0:00 / 0:00
AUDIOGUÍA

Durante séculos, o Miño foi o gran eixe que vertebrou as comunicacións e o intercambio no interior de Galicia. Polas súas augas e portos cruzaban persoas, gando e mercadorías, converténdose na principal vía de transporte e no corazón económico, social e mesmo xurídico do sur de Galicia. O río unía vilas, parroquias, mosteiros e señoríos, tecendo unha rede de relacións que marcou a vida das súas xentes. Hoxe, as presas e as novas infraestruturas mudaron a paisaxe, pero nas palabras, nos camiños e na memoria das familias perduran as pegadas daquela intensa actividade fluvial. En Ourense, as pontes de pedra foron escasas ata comezos do século XX: só existían a Ponte Vella de Ourense, de orixe romana, e a Ponte Castrelo (Castrelo de Miño), do século XIII. Por iso, os pasos por barca foron durante séculos a verdadeira ponte entre as dúas marxes do Miño, sendo esenciais para a comunicación transversal entre ambas beiras.

pontevella-ourense

No territorio que hoxe forma o Concello de Toén hai constancia de portos dende o século IX, cando o mosteiro de Santa Ouxea ad Portum Abbatis, no monte Louredo (Barbadás), contaba cun paso nas proximidades de Freixendo, que o unía con Untes. No século XVIII, un Cabaleiro de Alongos habilitou nese mesmo lugar, un novo paso de barca, reservado á súa familia e aos frades do mosteiro de Oseira, que posuían o porto.

Pero o porto de maior importancia era o de Feá, que xa era utilizado como paso fluvial dende a antigüidade, por ser este un punto relevante nas comunicacións entre Ourense e o Ribeiro.
No século X documentouse como Porto de Pena de Calegio, que conectaría Feá co Porto de A Barca (Cenlle), o cal é coñecido como A Barca de Barbantes.
A súa localización estratéxica, fixo que en 1809 as tropas francesas cruzaran o río polo Porto de Feá, acampando na localidade durante quince días, antes de avanzar cara a cidade de Ourense.
As rendas deste porto estiveron baixo o dominio dos Señores da Torre de Puga, que señeoreaban o Couto de Feá, dende o século XV ata o século XIX.
Xa no século XIX, coa liberalización do transporte fluvial, xurdiron novas barcas de iniciativa privada ao longo da ribeira de Toén: Quenlle–Calvelos, Quellepán–Barbantes (Laias), e Freixendo–Untes. Estes portos servían tanto para o paso de persoas e mercadorías como para a actividade pesqueira, mantendo viva a relación entre as dúas beiras do Miño. Todos eles estaban unidos por un antigo Camiño Real de orixe medieval que conectaba Santa María de Castrelo coa cidade de Ourense. Aínda hoxe, entre viñedos e ribeiras, consérvanse tramos dese camiño, silenciosos testemuños dun tempo no que o río era fonte de vida, traballo e encontro.

Os Portos

Os portos do Miño non eran peiraos como os actuais, senón lugares naturais habilitados para embarcar e cruzar o río. Dispuñan de ramplas, estacas ou argolas para amarrar as barcas, e segundo o caudal, podían mudar lixeiramente de lugar. A súa existencia estaba ligada á barca e ao servizo de paso, a miúdo baixo control de mosteiros ou señoríos.

As Barcas

A súa construción seguía as técnicas tradicionais da carpintaría de ribeira: madeiras locais como o carballo e o castiñeiro, fondo plano e o uso de remos ou pértegas para manobrar en distintos niveis de caudal. Existían varios tipos de embarcacións: as pequenas dornas e barcas empregadas para a pesca ou o uso diario, e as grandes “artesas” ou barcas de pasaxe, capaces de transportar carros, gando e máis de vinte persoas. Segundo a documentación histórica, algunhas destas barcas superaban os dez metros de longo e os tres de ancho, o que amosa a súa relevancia económica e funcional.

O Servizo

O servizo mantíñase activo todo o ano, sen interrupcións. O barqueiro, residía nas inmediacións do porto, e acudía ao chamado de quen precisase atravesar o río.
A explotación das barcas foi variada: nalgúns casos eran monopolio de mosteiros ou señoríos, e arrendábanse a barqueiros; e noutros, xurdían da iniciativa privada (s. XIX). Pero no servizo, non sempre existían tarifas públicas uniformes, os prezos e exencións dependían da propiedade, dos arrendamentos e das prácticas locais, factos que aparecen en pleitos e rexistros antigos.

Desaparición

Nos séculos XIX e XX, a modernización trouxo alternativas que acabaron co sistema tradicional de barcas e portos. O ferrocarril, as novas pontes e estradas, ofreceron rutas máis seguras, mentres que as grandes obras hidráulicas —presas e encoros como Peares, Velle e Castrelo— alteraron o réxime do Miño, anegando camiños, viñas e embarcadoiros. A Lei de Augas de 1866 e as políticas do século XIX e XX foron decisivas para a perda do modelo tradicional de portos e barcas, transformando por completo a paisaxe e poñendo fin a un modelo de navegación fluvial que uniu durante máis de mil anos as dúas beiras do Miño.

Curiosidades "A Ermida de San Antón"

Na beira do Miño, no lugar hoxe coñecido como Barbantes-Estación, erguíase antigamente unha pequena ermida dedicada a San Antón. Esta, contaba cun peto aberto ao exterior, onde os barqueiros depositaban cada noite as ganancias que non podían repartir entre eles, deixando así constancia dun costume que unía fe, solidariedade e vida fluvial. A ermida desapareceu no século XIX coa chegada do ferrocarril, mais a súa lembranza permanece ligada á memoria do río.

A vida ó redor do Río

O Miño foi sempre escenario de historias e lendas. A moura Ana Manana, a Santa Compaña que percorre o Camiño Real de Quenlle ou a traxedia do Bispo no Pozo Maimón. As súas augas acollían tamén a pesca, o baño, o lavado da roupa e mesmo celebracións populares. Na contorna de Toén, consérvanse dúas vellas aceas que empregaban a forza do río para moer o gran, testemuñas dun pasado que en gran parte desapareceu tras a construción dos encoros, e que se veu acrecentada tamén por mor das distíntas enchentas do río como a acontecida no ano 2000.

Porto de Quellepán (Puga)

Operativo dende 1892 ata 1971.
Uso: Pasaxe e Pesca.

Porto de Feá

Paso fluvial utilizado dende a antigüidade. Documentado inicialmente no s. X como Porto de Pena de Calegio e posteriormente en época Moderna e ata finais do s. XIX como Porto de Feá-A Barca de Barbantes.
Uso: Pasaxe e Pesca.

Porto de Quenlle

Operativo dende Inicios do s. XX ata 1965 aprox.
Uso: Pasaxe e Pesca.

Porto de Freixendo

Antigo porto do mosteiro de Santa Ouxea ad Portum Abbatis (Barbadás). Documentado dende o s. IX ata s. XIX.
Uso: Pasaxe.

Porto moderno: dende o s. XIX ata 1965 aprox.
Uso: Pasaxe e Pesca.