A lenda do Castro de Trelle

Facebook
X
WhatsApp
Telegram
LinkedIn
Email
Tradición oral

En Trelle todo o mundo sabe que no castro viviron, e viven, os mouros. Esa raza mítica do noso folclore, donos de infinitas riquezas e dotados de poderes máxicos, que eles construiron o castro e foron os antigos habitantes do país (non debemos confundilos cos mouros de África pois non son o mesmo). Estes as veces fan tratos cos cristiáns que viven nas aldeas do arredor, incluso van as feiras, mais en caso de tratar con eles sempre tes que gardarlles o segredo, e recompesaránche moi xenerosamente, pero se non o cumples enfróntaste a terribles consecuencias.

Contan que un arrieiro de Sobrado do Bispo (Barbadás) leváballe viño tódolos días; eles pagábanllo cuns pequenos anacos de pizarra que sacaban da terra e que o arrieiro, ó chegar a súa casa, atopaba transformados en moedas de ouro. Con isto, o arrieiro íase facendo moi rico. Mais súa muller, asombrada de que trouxera tanto diñeiro tódolos días, preguntoulle onde os gañaba. Os mouros fíxeranlle xurar que endexamáis revelase a ninguén o segredo, pois se o contaba despoxaríano daquelas riquezas e quedaría na indixencia. Poren, negábase unha e outra vez a dicirlle nada a súa dona. Pero a muller do arrieiro teimáballe sempre sobre aquelo, día tras día, e tanto fixo e tantas voltas deu, que por fin o marido contoulle o que acontecía, pregándolle que non o descubrise, pois, se non, os mouros castigaríano.

Mais a muller non soubo gardarlle a promesa, e, en segredo, foi xundo dunha comadre e díxolle:
– Comadre, sabe unha cousa?
– E logo?
– Que meu home carrétalle o viño ós mouros que están no castro, e danlle moitas medas de ouro; pero non llo diga a ninguén…
A comadre, tendo envexa daquela fortuna, díxollo ao seu marido; este repetiullo aos amigos, e así foi correndo o conto, e sóubose todo.

Ó día seguinte foi o arrieiro levarlle o viño ao castro; pero non lle abriron as portas. Volveu a súa casa e a fortuna perdeuse para sempre. 

Versión Física
Solicitar
Versión Dixital
Solicitar