A Asociación Amigos do Patrimonio de Toén descobre unha ara votiva a Xúpiter Óptimo Máximo en San Fiz (San Mamede de Puga)
O pasado 25 de xullo de 2023 a nosa compañeira Ana Lorenzo localizou unha misteriosa peza na capela de San Fiz (San Mamede de Puga) que facía a función de pía de auga bendita. Sospeitando que podía tratarse dunha ara votiva, pediulle opinión aos investigadores Xabier Moure e Javier Torres que afirmaron que podía estar acertada nas súas sospeitas. O 5 de agosto Pablo Sabucedo e máis eu acompañados de Torres visitamos a capela e confirmamos que se trataba dun altar, dedicado ao deus Xúpiter Óptimo Máximo, e que estaba do revés sendo a pía a súa base. Dende Amigos do Patrimonio contactamos co Doutor Juan Manuel Abascal da Universidade de Alicante, experto en epigrafía, que se desprazou a Toén o 6 de outubro xunto co seu equipo, composto por Pilar Vázquez Conde e o fotógrafo José Manuel Salgado da Fundación Luís Monteagudo, para estudar o achado in situ. Da análise da peza feita por Abascal resultou que é un altar de granito, en cuxa parte superior presenta unhas molduras, cunhas dimensións de 49 x 25 x 28 cm; a parte mediana mide 19 x 22 x 24 cm. A inscrición está moi desgastada sendo difíciles de ler algunhas das letras; componse de catro liñas de texto, as letras das primeiras catro son de 3cm e as da quinta 3,5 cm, tamén ten interpuncións circulares. Conserva restos dun focus circular de 15cm de diámetro na parte superior. Presenta danos na base, a que lle falta un anaco, e nun recuncho na parte superior. A dedicación é a seguinte: Atendendo ao tipo de letra e a nome do dedicante (Aelius Aelianus) Abascal suxire como posible datación o s.II d.C. De onde saíu segue a ser un misterio, dende a Asociación estamos a traballar na procura de documentación para saber a historia da capela e así poder dar con algún rastro da orixe; aínda que todo apunta a que pode estar no misterioso cuarto castro de Toén, que aínda non temos localizado pero que un análise da fotografía aérea feito no século pasado sitúa na parroquia de Puga. Con esta xa son catro as aras votivas localizadas en Toén, a primeira dedicada as Ninfas que apareceu en Alongos en 1606 (hoxe desaparecida), e as dúas atopadas no Monte Louredo (compartido con Barbadás), unha a Diana (1898) e outra dúplice a Xúpiter e ás Matres (1971), estas dúas están no Museo Arqueolóxico de Ourense.