Entrevista: O carón da Lareira

Facebook
X
WhatsApp
Telegram
LinkedIn
Email
Xabier Álvarez Iglesias

Lembranzas doutros tempos, o Sr. Castor de Trelle.
Dende que home é home, desde que os sapiens descubriron e dominaron o lume, os da nosa especie sentaron ao seu carón para cociñar e quentarse pero tamén para contar historias, para conversar e para transmitir saberes.
Moito do noso patrimonio colectivo sabemos que se ten perdido pera na memoria dalgúns dos nosos veciños e veciñas consérvanse retallos dese patrimonio cultural. Con esta sección de ENTREVISTAS só pretendemos escoitalos para que os seus saberes afloren coma se estiveran contándoos ao carón das vellas lareiras e nós poidamos enriquecernos coa súa sabedoría.

Realizamos esta primeira entrevista cando a nosa Terra e o seu máis prezado patrimonio, os nosos pobos, está a ser queimado impunemente. E xustamente imos conversar hoxe cun home que coñece moi ben o valor do monte na vida das nosas aldeas. En Trelle (Toén), un 17 de xullo, o noso protagonista vai ser o Sr. Castor (93 anos). Á sombra do fermoso alpendre construído no campo da festa vai correndo a conversa dun xeito fluído grazas ás excepcionais condicións de narrador do noso entrevistado e presos das súas palabras. Todo o seu discurso zumega amor e admiración tanto polo seu pobo coma pola vida en comuñón coa natureza que tan fresca se mantén na súa sorprendente memoria.

O tema central da conversa é o papel que xogaba o monte na vida dunha aldea coma Trelle que pode ser representativa dos milleiros de aldeas galegas. Falamos, pois, dese patrimonio cultural, en gran parte perdido, que poida servirnos de referencia na construción dunha sociedade máis harmónica entre o home e a terra.

PREGUNTA: Cal era a principal fonte de economía na vida do Trelle que vostede viviu na súa xuventude?

RESPOSTA: Había moito gando. Ao tempo, traballábase moito e era todo traballo para o gando. Botábanse ao monte máis de 80 vacas; todas xunta. Levábanse pola mañá e íanse buscar á tardiña. Entón, o monte estaba moi comido porque era moito gando. Até o monte de Sabucedo e onde vai a estrada de Xestosa, todo iso comíano as vacas.

P. E as vacas quedaban soas no monte todo o dia?

R. Si. Normalmente non había pastor inda que, ás veces, quedaba algunha persoa ou un rapaz con elas. O máis coñecido era “o mudo” que, por outra parte, se entendía moi ben co gando e coñecía a todas: a dos cornos pequenos, a dos cornos para arriba… Pero ás veces había unha vaca “mala”. Igual ligaba de ter vostede ou eu, unha vaca “pelexadora” e cumpría estar con ela, apartada das outras.

P. E a rendibilidade das vacas sería a típica: leite e carne?

R. Si, si. Había dúas leiteiras en Trelle e levaban o leite a Ourense no burro tódalas mañás. Púñanlles dúas latas moi grandes colgadas nos lados do animal. Os burros, ao chegar a Ourense, deixábannos polo Posío, na finca do ferrador…E logo, se había algunhas vacas para parir, viñan buscar os becerros os carniceiros de Moreiras ou de Sobrado. Pero, ademais das vacas, en tódalas casa había que ter unha besta e un burro. A besta, para pasear ou para ir a Moreiras e o burro, para traballar.

P. E logo, non utilizaban o carro de vacas?

R. Si, claro, pero tamén moito os burros. Púñanlle dúas alforxas aos lados e alí carrexaban case de todo. E eu, moitas veces, sentado enriba. Cantas veces caín do burro! Os carros das vacas, para ir apañar leña ao monte ou catro gavelas de toxo, carqueixas, fentos, palla… Botábase toda a mañá apañando monte para as cortes.

P. Así que o monte estaría limpo? E non habería estes terribles incendios forestais?

R. Non había incendios porque non tiña onde arder. O único que tiña algo de arboredo era aquel cotarro de alí, de cara ao castro, onde estaba o comunal. O monte, estaba moi comido!

P. E que outros usos do monte se facían? Porque xa vexo que toda a vida do pobo xiraba arredor do monte.

R. Aquí había fartura de todo! Gran parte do monte estaba “roto” (arado) dando centeo, trigo e millo, indo para A Seara. Había casas que collían ata 70 ou máis fanegas de pan (de fariña) que enchían unhas arcas de madeira duns 3 m. de longo por 1 m. de alto. E a nosa sona chegou a Castela pois viñan buscar cuadrillas de homes para ir á sega. Aquí, os homes segando… unha marabilla Cunhas fouces largas, feitas de ferreiro, de aceiro puro coas que podías afeitar os pelos dun brazo… Ían cara a parte de Madrid. E na guerra, foi o que nos salvou: estaban as arcas cheas!. O pan era de centeo e trigo pero botábaselle tamén algo de millo e, menudo pan que saía! Iso era unha marabilla!. Moitas casas tiñan o seu propio forno e, se non, compartían con veciños ou familiares. E as pezas duraban unha semana.

P. Desde logo o monte era o centro da vida económica e social do pobo. Pero, aínda había mais actividades no monte?

R. Si. A caza. Había moita caza. De todo e tódolos días do ano. Eu, de neno, ía cos cazadores que viñan de fóra e collía os cartuchos disparados para levarllos ao meu pai.

P. Bueno, bueno! Tal como o conta, Trelle era o paraíso. Porque ademais supoño que tamén terían boas hortas ao pé das casas?

R. Nesta ladeira collíase moi bo viño. De categoría! Uva mencía riquísima. Os días 7 e 17 íamos coller o coche a Moreiras para ir a feira de Ourense a comprar para poñer. Aquí dáse de todo! Incluso froiteiras. Froiteira que se pon, vai arriba. Canto queira pedir, hai de todo e a froita é olé! E logo, nós aquí collemos as patacas só con botalas na terra e sachalas un pouco… e hala! Non hai que andar regando. Esta nosa é unha pataca seca que, a coce e, ao darlle a volta nunha fonte, queda…parece cando se quentaba o cal para botar co sulfato. Abre así… coma unha esponxa. E saben…!

P. Estame poñendo o pobo polas nubes de tal xeito que éntranme gañas de vir pasar uns días con vostedes?

R. Mire: hai poucas persoas que veñan aquí e non queiran quedarse a vivir. Á vista está cos nenos: non hai criatura que veña aquí e non queira quedarse a vivir. Hai cada follón polas criaturas!.

Saio da entrevista emocionado ao ver coma o Sr. Castor mantén tan vívido ese sentimento e amor polo propio; pola herdanza común; polo patrimonio cultural que dá vida a un pobo.


Versión Física
Solicitar
Versión Dixital
Solicitar