Dende tempos remotos, especialmente a partir do século XVI, Ourense foi escenario de numerosas romarías que se dirixían a montes e lugares da nosa contorna. Entre as máis destacadas atópase a de San Benito de Cova de Lobo, situada en Piñor. Ademais, na mesma parroquia, tamén se celebraba outra festividade de gran relevancia: a Romaría da Virxe das Neves, que tiña lugar no santuario do monte de Santa Ladaíña cada 4 de agosto.
Tralo Concilio Ecuménico Trentino (1545-1563), o culto á imaxe da Virxe María e a todas as súas advocacións marianas experimentou unha notable popularización e revitalización. No caso da Virxe das Neves, esta devoción remóntase a un milagre que tivo lugar a finais do século IV en Roma. A Virxe María aparecéuselle a un matrimonio da cidade e indicou o lugar onde desexaba que se construíse un templo. O 5 de agosto, produciuse unha inusual nevada nun dos sete cumios de Roma, o monte Esquilino, que era o lugar sinalado previamente pola Virxe. Así, neste lugar erixiuse a impoñente Basílica de Santa María a Maior, tamén coñecida como Basilica di Santa Maria della Neve.
No caso de Ourense, semellante a Roma, é unha cidade rodeada de diversos cumios montañosos. Exemplos disto son Montealegre, Santa Mariña do Monte, O Cumial, Ousanse, Mun di Deu e Santa Ladaíña. Os tres últimos atópanse no oeste da cidade e pertencen á parroquia de San Lourenzo de Piñor (Barbadás). Sobre Santa Ladaíña, ao igual que sobre o monte Esquilino, ergueuse un santuario baixo advocación da Virxe das Neves.
Temos noticias da súa existencia dende principios do século XVII, momento no que o Rexidor de Ourense, D. Francisco de Espinosa, encarga un retablo para a capela. Durante o XVIII e o XIX aparece citada como ben da Capela da Virxe das Neves. Piñor, Barbadás. No primeiro terzo do século XIX, Domingo Fontán deixou constancia na súa “Carta Xeométrica de Galicia” do emprazamento da capela de Santa Ladaíña. No mapa de Francisco Coello, datado en 1856 e incluído no Dicionario de Pascual Madoz, tamén se sinala o lugar do recinto relixioso. En 1842 consta a existencia de diversas obras de importancia no teito da capela, así como a compra de diversos obxectos como bancos para o culto relixioso.
No ano 1861, o prestixioso intelectual e historiador ferrolán, D. Benito Vicetto, menciona na súa obra “El lago de la Limia” que no monte de Santa Ladaíña, a tradición local indica a existencia de “las ruinas de siete ermitas”, todas elas fogares onde viviron sete santas que eran irmás.
A finais do mes de xullo de 1897 a imaxe popular da Virxe das Neves queimouse na igrexa parroquial de San Lourenzo. Porén, comezou unha campaña de subscrición no lugar para poder mercar outra imaxe semellante. A finais do XIX, a capela-santuario da Virxe das Neves do monte Ladaíña estaría moi degradada, presentando grandes carencias no seu teito e dependencias. Deste xeito, comezou tamén unha campaña en Piñor para poder reformar integralmente o templo. A nova capela mudaría a súa orientación, a máis antiga estaba orientada cara o nordeste, mirando á cidade de Ourense, e a nova miraría ao sur, cara o pobo de Piñor e Parada de Piñor. En setembro de 1908 rematarían as obras na capela, iniciándose así un novo pulo da romaría da Virxe das Neves. Naquela época, parece que a tradición de peregrinar ao monte Ladaíña o día 5 de agosto estaba comezando a esmorecer. Os anos nos que a capela permaneceu pechada ou en reformas favoreceron que outra romaría popular da parroquia, a de San Benito de Cova de Lobo, gañase maior impulso e popularidade na contorna de Ourense. Así, a tradición de peregrinar á capela do monte Ladaíña quedou reservada, na súa maioría, aos habitantes da parroquia de San Lourenzo de Piñor. A imaxe da Virxe saía en procesión o 4 de agosto dende a igrexa, percorrendo os principais puntos da localidade de Piñor, como o Pazo dos Lemos e o Paseo de Roma (actual estrada principal), ata chegar ao monte Ladaíña. Alí, posteriormente, celebrábase un popular folión. Esta tradición estivo profundamente arraigada na parroquia de Piñor ata principios dos anos 30, momento no que a capela sufriu un devastador incendio. O domingo 23 de xullo de 1933, un grupo de mozos descoñecidos vertía gasolina sobre o edificio e prendeu lume, causando a destrución das portas e dos teitos do templo. Como resultado, o edificio permaneceu en ruínas durante varios anos, e a celebración da romaría da Virxe das Neves trasladouse á capela do Pazo dos Lemos e ao Campo de Roma. A mediados dos anos 90, os veciños e veciñas de Piñor decidiron reconstruír a antiga capela de Santa Ladaíña, aínda que nin a tradición romeira nin o culto se conservaron no lugar. Hoxe en día, a capela presenta un alto grao de degradación, especialmente no seu interior.
A capela da Virxe das Neves eríxese sobre un cumio montañoso, próximo ao monte Louredo, lugar onde se conservan restos dun asentamento castrexo, así como diversos eremitorios monásticos altomedievais e un castelo. Nos montes próximos de Ousande e Mon di Deu tamén se atoparon restos significativos: no primeiro, materiais vinculados á época medieval e á Idade Moderna; no segundo, restos que se poden adscribir ao neolítico.
No monte Ladaíña levantouse un santuario eremítico, que podemos definir nos seus inicios como espazos sacralizados asociados a aparicións sagradas ou reliquias. Segundo o antropólogo X. Ramón Mariño Ferro, estes Santuarios xurdiron na Alta Idade Media como lugares de culto local, vinculados a procesións e festividades relacionadas con milagres ou santos que melloran a saúde dos peregrinos. Inicialmente, eran espazos pequenos que aproveitaban elementos xeomorfolóxicos do terreo para crear un ambiente sacro. En Galicia, este tipo de santuarios devocionarios xurdiron de forma tardía, especialmente na época Moderna. A forte relixiosidade da sociedade e as tradicións de cultos precristiáns levaron a que moitas peregrinacións se realizasen en lugares naturais significativos ou en recintos pequenos que aproveitaban elementos xeolóxicos como penedos ou fendeduras para crear espazos sacros. Deste xeito, a construción do recinto relixioso pode entrar en relación co proceso de asimilación dos vellos cultos e ritos de raíz precristiá. Dende o século XVI popularízase o culto á imaxe da Virxe María, algo que no caso de Piñor da lugar a unha intensa tradición de peregrinar ao monte de Santa Ladaíña. Na cima do lugar, próximo á capela, existía un gran carballo que segundo contan as fontes parroquiais “tiña oito séculos de lonxevidade”. A existencia destes grandes árbores centenarios, especialmente os carballos e castiñeiros, nestes antigos santuarios devocionarios populares, será algo moi habitual. Exemplo disto atopámolo ao longo de toda Galicia en lugares como a Capela de San Trocado (San Amaro), na da Virxe da Ascensión (Entenza, Salceda de Caselas) ou na Ermida de Santa Margarida (Mourente).
Segundo conta Cuevillas, o nome de “Santa Ladaíña” débeselle ao Cabido da Catedral de Ourense, xa que estes subían ata o cumio do monte recitando ladaíñas ou oracións relixiosas. Este topónimo moderno xa marcaría de xeito claro un proceso de cristianización do lugar, no cal probablemente existía algún tipo de culto anterior. Nas actas parroquiais de Piñor de mediados do XIX faise mención á posibilidade da reutilización de materiais na fábrica da capela primitiva que poderían vir dun edificio anterior.
“Quién sabe el santo motivo de la erección de la Hermita en una situación tan análoga al misterio, i los pobres cimientos de su principio no son pequeños vestigios, i memoria de que hubo algunos buenos cristianos mejor que ahora”
O cambio de lugar e orientación da capela en 1908 provocou a perda irreversible da fábrica orixinal do templo. É fundamental continuar a investigación, xa que a contorna do monte de Santa Ladaíña representa un lugar idóneo para o establecemento dun recinto castrexo ou dunha edificación de especial relevancia xeoestratéxica. Na actualidade xa se perdeu a tradición de peregrinar ao monte de Santa Ladaíña, pero segue sendo un lugar de especial significación para os habitantes da parroquia de San Lourenzo de Piñor.