Gonzalo e Gregrorio Fatón foron dous Mestres canteiros naturais da parroquia de San Xoán de Barbadás que levaron a cabo o seu traballo no último terzo do século XVI. Ambos nacerían a mediados da centuria, nun momento social e relixioso convulso marcado polo Concilio ecuménico Trentino (1545-1563). Carecemos de información sobre a súa orixe, se ben o mais probable é que pertenceran a un entorno familiar ligado co traballo tradicional da pedra. Ámbolos dous afirman non saber escribir nin firmar, se ben coñecían o arte da xeometría e o traballo con volumetrías en grandes obras da arquitectura clasicista do último período do Renacemento en Galicia. A partir de 1560 a influencia de arquitectos como Juan de Herrera, con obras como o Escorial e o portugués Mateo López, que recibe o encargo de realizar o novo mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela, marcan unha nova etapa na arquitectura renacentista galega. Deste xeito, triunfa un novo concepto arquitectónico marcado pola ausencia do ornamental e a primacía das formas arquitectónicas máis puras.
En Galicia haberá dous grandes focos arquitectónicos diferenciados, un en Compostela representado por Mateo López, Gaspar de Arce e os andaluces Ginés Martinez de Aranda e Bartolomé Fernández Lechuga, e outro no entorno ourensán e Terra de Lemos, con artistas como Simón de Monasterio ou os Mestres canteiros de Trasmiera con Diego de Isla á cabeza. Neste foco da arquitectura renacentista clasicista do sur de Galicia, aos irmáns Fatón fóronselle encomendados numerosos proxectos e obras. Gonzalo Fatón consta como Mestre de obras no mosteiro de Oseira no ano 1589 acompañado do seu veciño Pedro de Arce, Mestre de Cantería natural de San Cibrán das Viñas. Xunto a el tamén traballará na realización da Capela Maior da igrexa de Santa María de Melias (1587) ou na capela das Neves da Catedral de Ourense (1588). Na mesma catedral de San Martiño atribúeselle a obra de cerrazón do coro medieval pétreo. En canto a Gregorio Fatón, consta que sería o Mestre de Obras da afamada capela dos Remedios de Ourense, rematada no ano 1574. A comezos da década dos 80s realizaría unha serie de obras de reforma no Pazo do Bispo de Ourense por encargo do mordomo maior D. Juan de Sanclemente. Entre estas destacaría unha gran escaleira de caracol pétrea así como catro arcos de trece pés de alto. En Paderne de Allariz realizaría tamén a capela maior e sancristía de San Lourenzo de Siabal rematando a obra no ano 1587. Tamén traballaría ás ordes de Simón de Monasterio en obras realizadas no mosteiro de Santa María de Melón.
Se por algo pasarán á Historia os irmáns Fatón será polo seu traballo no Colexio da Compañía de Xesús de Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos (hoxe Pais Escolapios), fundado polo afamado Cardeal e Arcebispo de Sevilla D. Rodrigo de Castro. Este personaxe, ligado familiarmente cos Condes de Lemos, pretendeu fundar na súa terra natal un edificio que tivera unha dobre funcionalidade, por un lado ser o seu panteón familiar e por outro servir como escola xesuíta para a formación “dos fillos de Galicia”. No ano 1591 cómpranse os terreos e o arquitecto Vermondo Resta e o seu coadxuntor, o xesuíta Andrés Ruiz serán os primeiros encargados de levar adiante o proxecto. A partir de 1593 serán requiridos polo propio D. Rodrigo de Castro os Mestres canteiros Gregorio Fatón, Gonzalo Fatón, Diego de Isla, Juan de Cajigas, e Juan de las Suertes, séndolle encomendado o posto de Mestre Maior de Obras ao xesuíta Juan de Tolosa. Na práctica será Gregorio Fatón quen supervise e leve as obras de Nosa Señora da Antiga durante os seguintes anos. Posteriormente, a obra sería adxudicada ao arquitecto Simón de Monasterio, o cal vería como no ano 1619 consagraríase por primeira vez esta xoia monumental cumio do clasicismo postherreriano en Galicia.
Consta que Gregorio Fatón, sendo veciño xa de Ourense, tería como fillo ao tamén Mestre canteiro Jácome Fatón. Este aparece relacionado co entorno do arquitecto Simón de Monasterio, séndolle adxudicadas obras como o campanario do mosteiro de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos, 1607) ou o trascoro de cantería da Catedral de Lugo.
Descoñecese o grao de implicación da familia Fatón na realización de obras na contorna da súa parroquia natal, se ben existen diversos elementos artísticos que ben poderían relacionarse coa súa obra. A propia portada e igrexa de San Xoán de Barbadás, erixida nas últimas décadas do XVI, ou a capela funeraria fundada en 1584 polo capitán Tomé Rodríguez Punxín na igrexa de San Bernabé da Valenzá, as calen conteñen elementos artísticos semellantes e coetáneos ao momento de plenitude artística dos irmáns Fatón na contorna de Ourense. Estes irmáns canteiros de Barbadás, son uns dos maiores representantes do clasicismo purista do último período do Renacemento en Galicia.
Outras arquitecturas renacentistas da contorna da Terra de Louredo serán a igrexa de San Ildefonso de San Cibrán das Viñas, erixida en 1552 e Santa María de Mugares, patrocinada a súa obra polo abade Bartolomé García de Bahamonde en 1571.