A Mámoa das Sete Buratas en Cartelle

Mámoa das sete buratas, Cartelle

David Sabucedo

En febreiro de 2021 membros da Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén descubriron unha mámoa que se atopaba sen catalogar na paraxe das Sete Buratas no concello de Cartelle.

As Sete Buratas
O túmulo está situado no monte coñecido coma as Sete Buratas, moi próximo os lindes entre os concellos de Cartelle e Toén, a súa situación nun coto que fai que este lugar sexa doado de identificar na paisaxe da contorna. Esta localización levou ó arqueólogo Manuel García Valdeiras (encargado de inventarialo) a deducir que este túmulo poido ter unha función de marco de término, polo que esta circunstancia axudou a que se conservara ata os nosos días.

O topónimo de “As Sete Buratas” podería indicar que esta pode que non fora a única mámoa do lugar, circustancia que tamén sinalou a arqueóloga Nerea Vilariño Salgueiro que puido visitar o xacemento o no mes de setembro de 2021 co con membros de Amigos do Patrimonio de Toén; segundo apuntou é posible que “burata” faga referencia ó cono de violación (perforación feita no túmulo para o seu saqueo), e o haber varios na zona bautizou o lugar, mais polo de agora só hai constancia dunha “burata”.

Localización da Mámoa

Características da mámoa
Seguindo as medicións realizadas por arqueólogo García Valdeiras, trátase dunha mámoa de considerables dimensións, xa que ten un radio duns 25m e unha altura de 1,5m. Presenta alteracións na súa estrutura, pois ten un gran cráter de violación de  50cm de fondura, 9m de longo e 2m de ancho. O que indica que semellaría ser unha mámoa de corredor.

O que realmente converte ás Sete Buratas nun fito arqueolóxico é o uso masivo do seixo branco (cuarzo). Como ben apunta a investigadora Nerea Vilariño, non é frecuente atopar antas e coirazas conformadas integramente por este mineral no noso país.

A natureza do lugar explica esta rara beleza: o túmulo eríxese sobre un afloramento natural de cuarzo, un feito que a sabedoría popular deixou gravado para sempre na toponimia local a través do monte veciño: A Costa Branca. Hoxe, aínda son visibles dous ortostatos da cámara que conservan esa tonalidade nívea, desafiando o paso dos milenios.

Seixo branco (cuarzo) na Mámoa

Alteracións no xacemento
O xacemento atópase actualmente rodeado dunha plantación de piñeiros cuxas raíces ameazan a estrutura, sumado á proximidade dun cortalumes e as cicatrices deixadas polo paso de vehículos todoterreo sobre o seu curuto.

Finalmente o 14 de outubro de 2021, sería inventariada por Patrimonio (Xunta de Galicia).
A catalogación é só o primeiro paso, agora é a quenda de que os concellos de Toén e Cartelle asuman o liderado na súa protección, integrando este tesouro nos seus plans de ordenación municipal. As Sete Buratas son só o pórtico da inmensa riqueza que agocha o Macizo dos Castros, un territorio que une a Toén, A Merca e Cartelle nunha historia compartida que aínda temos moito que descubrir e, sobre todo, que protexer.

Catalogación Mámoa
Versión Física
Solicitar
Versión Dixital
Solicitar

Colabora con
Terras de Louredo!!

Terras de Louredo medra grazas ás historias que compartimos entre todos/as.
Se tes lembranzas, fotos antigas, curiosidades ou información sobre a nosa historia e patrimonio, queremos escoitarte. Cada achega conta, e axúdanos a reconstruír e valorizar o que somos. Únete e colabora connosco.