No lugar de As Moas, na parroquia de Toén, atopouse en 1932 o coñecido como “Brazalete de Toén” durante os traballos de ampliación dunha leira no lugar de “As Moas” (Santa María de Toén), na propiedade do veciño Ramón Deprado (†1985).
O achado foi descuberto por un labrego baixo unha pedra que a súa vez situábase na raigaña dun carballo (Bouza-Brey, 1933).
Trátase dunha peza de ouro macizo con forma cilíndrica pechada. A súa decoración está caracterízada pola perfecta simetría, elaborada a base de molduras e calados verticais en forma de enreixado, e con esferas globulares nas bandas superior e inferior. Xunto a el apareceu tamén un fío de ouro entrelazado a modo de cadea de 1mm. de espesor.
O achado foi documentado por Florentino López Cuevillas, e o seu primeiro estudo monográfico foi realizado por Fermín Bouza-Brey en 1933. O brazalete mantívose en mans do labrego ata 1934 (Cuevillas, 1951), data na que se lle perde a pista.
O Brazalete de Toén reapareceu o 13 de agosto de 1936, cando a prensa local recolleu a doazón realizada por S. Murias Cantón dun “brazalete prehistórico”. O feito inscribíase na campaña de Suscripción Nacional “Oro para la Patria”, promovida polo bando sublevado para financiar a Guerra Civil.
Murias Cantón foi avogado e xefe da Sociedade Eléctrica de Ourense, empresa que en 1933 levara a primeira iluminación pública a Toén. Figura destacada do conservadurismo católico ourensán, mantivo unha estreita relación con intelectuais como Otero Pedrayo, Cuevillas ou Risco.
A súa ligazón con Toén era tamén familiar: a súa irmá Beatriz exerceu como mestra en Alongos entre 1931 e 1936. O seu marido, Francisco Sierra, tamén mestre, foi asasinado polos falanxistas o 2 de agosto de 1936 en Xinzo de Limia. Poucos días despois, realizouse a doazón.
A peza foi enviada a unha sucursal do Banco de España en Burgos, onde sería refundida para facer lingotes no chamado “Laboratorio del Oro Nacional”.
Deste xeito, “O Tesouro das Moas”, pasaría a engrosar a longa lista de bens patrimoniais perdidos durante a Guerra e o Franquismo.
Confusión historiográfica
Durante décadas, a historia do Brazalete de Toén estivo envolta nunha néboa de confusión. As súas semellanzas co brazalete de Ourense —ambos de ouro, finamente decorados e conservados en mans particulares— fixeron que moitos pensasen que se trataba da mesma peza.
O traballo desenvolvido pola Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén en 2024, permitiu restaurar a verdadeira identidade de ambas. O Brazalete de Toén, atopado en 1932 no lugar das Moas, desapareceu en 1936 ao ser entregado na campaña “Oro para la Patria”. Pola súa banda, o brazalete de Ourense, achado en 1921 noutro contexto arqueolóxico, consérvase hoxe no Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo.
Adscripción cronolóxica
A peza foi realizada seguindo a técnica do baleirado á cera perdida e o emprego do torno vertical para realizar a decoración. Pertence ao ámbito tecnolóxico da ourivería Tipo Villena-Estremoz (V/E), desenrolada na Península Ibérica durante a Idade do Bronce Final (1300/1200-700 a.C.). Foi realizada por orfebres da fachada atlántica, seguindo técnicas presentes anteriormente no Mediterráneo.
Na actualidade soamente consta a existencia deste tipo de brazaletes noutros dous puntos do noroeste da peninsular, un atopado nun punto indeterminado da provincia de Ourense, e outro en Chaves (Vila Real, Portugal).
Máis información: https://revistas.uvigo.es/index.php/mns/article/view/5874